17/10/2006

Casa das Letras: A cultura por riba de todo

O inmóbel que acolle Casa das Letras e Gráficas Santiago integra o comercio libreiro (na planta baixa) e o centro de actividades culturais (no primeiro e segundo andar).
O centro cultural Casa das Letras, que é de iniciativa privada, fomenta a difusión da cultura nas súas distintas manifestacións e as súas instalacións están á disposición de escritores, editores, artistas, marchantes, entidades civís e institucións públicas para a organización de presentacións, exposicións, mostras, seminarios e outras convocatorias.
No mes de marzal de 2006, ano e medio despois da inauguración da Casa das Letras e coincidindo co 42º cabodano da inauguración da libraría Gráficas Santiago, o establecimento foi galardoado pola Federación Galega de Libreiros pola súa contribuzón á difusión da literatura galega.
A iniciativa de crear Casa das Letras obtivo o respaldo do Programa Leader Ponte dos Santos da Unión Europea (UE), razón pola que mantén contacto cos servizos da Comisaría de Cultura da Unión Europea, á que informa das actividades que se organizan na vila ribadense.
..
FONDO BIBLIOGRÁFICO, PRIMEIRO ANDAR
Casa das Letras conta cun fondo bibliográfico que está a disposición dos interesados en coñecer ou estudar a produción cultural ribadense, o que serve para pór en valor os traballos dos autores vencellados a Ribadeo, de xeito que o centro posúe documentos referidos á historia de Ribadeo, ademáis de novelas, ensaios, biografías, ensaios técnicos e científicos, cartas, etcétera.
..
SALA DE LECTURA, PRIMEIRO ANDAR
Tamén no primeiro andar, Casa das Letras dispón dun espazo para a lectura e o estudo, de xeito que os usuarios disfruten da tranquilidade que esixen a consulta, a lectura ou a conversación. Este espazo dispón de servizos sanitarios.
..
SALA DE CONFERENCIAS E EXPOSICIÓNS, SEGUNDO ANDAR
Casa das Letras
acolle conferencias, exposicións e todo tipo de convocatorias de contido cultural, sexan de iniciativa pública ou privada. De feito, o centro é tamén un foro para o debate e a difusión de ideas e producións culturais, sexan xeneradas por cidadáns ribadenses, da comarca, de Galicia, do resto da Península ou doutros países europeos.
..
CENTRO MULTIDISCIPLINAR
Casa das Letras non só tenta contribuir á revalorización da produción cultural de Ribadeo, senón que ademáis ten asumido o reto de dispor de todo tipo de publicacións relacionadas coas terras de Ribadeo e as súas xentes, de xeito que sempre que é posíbel adquire un exemplar para o fondo bibliográfico.
En máis ocasións das desexables, as obras dos autores ribadenses ou vencellados á vila son descoñecidas, mesmo para os residentes no concello ou na bisbarra; ben porque non é posíbel atopar un exemplar ou ben porque a obra foi esquecida, polo que as novas xeracións non teñen a posibilidade de coñecer esas aportacións.
Nese senso, é preciso subliñar que os traballos publicados por autores ribadenses abranguen case que todas as disciplinas, desde a Economía ás Enxenierías, as Matemáticas e a Filosofía, a Oceanografía e a Historia ou a Biología, e xéneros tan distintos como a narrativa, os libros de viaxes, a poesía ou o teatro; sen esquecer os cómics, a fotografía e outras creazóns.
Casa das Letras tamén considera unha obriga o fomento das relacións culturais e sociais entre as comarcas de A Mariña Luguesa e o Occidente Astur, con especial atención para a cultura das terras do Eo-Navia, onde milleiros de persoas aínda están a falar no galego de Asturias.
..
A FRONTEIRA MÁIS TRANSPARENTE
O carácter fronteirizo de Ribadeo, na ribeira occidental da ría do Eo, condicionou e condiciona a identidade da vila e a actitude das súas xentes, ao tempo que tamén caracteriza a súa vida económica. A condición galega de Ribadeo e a veciñanza de Asturias marca a sociedade local, que é aberta e plural. Por outra banda, serem fronteira deixou hai tempo de constituir un inconvinte para se converter nunha avantaxe.
Compre lembrar tamén que Ribadeo é a Porta Norte de Galicia, etapa da Ruta Xacobea septentrional, motivo polo que a vila recibiu influenzas de todo o litoral cantábrico, desde A Coruña ata Hondarribia, e mesmo do resto de Europa.
Lugar de paso e fronteira, Ribadeo é un mundo singular e con identidade propia.
..
Casa das Letras / Gráficas Santiago
Rúa Rodríguez Murias, 8. 27700 Ribadeo.
Tlf.: 982 128 179.
Correo electrónico: buzoncdl[arroba]yahoo.es.
Xerente: Andrés López-Santos Santiago.
Fundadores (a librairía abriu ao público o día 10 de marzal de 1963): Andrés López-Santos González-Paraños e Luísa Santiago García.
Relacións externas e comunicación: More López-Santos Santiago / MSComunicación:
mscomunicacion[arroba]mundo-r.com.
Colaboradores: Ana Martínez e Félix Soria.