sábado 6 de septiembre de 2008

Alfredo Conde, galardoado co Premio Civiltà delle Minoranza


O escritor galego Alfredo Conde Cid (Allariz, 1945) ven de recibir o Premio Civiltà delle Minoranza (la cultura civil de las minorías) polo conxunto da súa obra. O galardón foi creado pola Fundación Grinza-Cavour do Piamonte (rexión do norte de Italia) e a Fundación Cassa dei Risparmio de Turín, e o seu obxectivo é poñer en valor e recuperar as aportacións culturais e humanas das produccións literarias escritas nas línguas minoritarias, difundindo os traballos dos mellores autores contemporáneos, o que tamén contribúe ao coñecemento das súas línguas.
Conde obtivo o Premio Nacional de Literatura 1986 ca novela Xa vai o Griffón no vento; precisamente este libro foi premiado en Italia no ano 1990 como a mellor novela estranxeira. As obras de Conde están traducidas a diferentes idiomas e teñen alcanzada o éxito e ampla difusión en países como Rusia, Italia e mesmo Australia, onde ao escritor galego lle foi concedido un doutorado honoris causa en Letras.
Alfredo Conde inicou a súa traxectoria narrativa en 1974 co libro de relatos Mementos de vivos, ao que seguiron Contubernio catro de Tomé S. e Come e bebe que o barco é do amo; xa en 1981 publicou Breixo, ca que obtivo o Premio da Crítica de Narrativa Galega; despois escribiu Memoria de Noa, Xa vai o Griffón no vento, e xa no ano 1990 Os outros días, novela escrita en castelán coa que gañou o Premio Nadal; logo viñeron Sempre mátanme (1995), A casa de Adara (1996), Azul cobalto. Historia posible do Marqués de Sargadelos (2002), Memoria de soldado (2002), Romasanta. Memorias incertas do home lobo (2004), Lukumí (2006) e a máis recente, María das Batallas, da que o propio Alfredo Conde falou na Casa das Letras o pasado mes de xullo.