Mostrando entradas con la etiqueta *Texto·en·galego. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta *Texto·en·galego. Mostrar todas las entradas

7 nov 2011

"A vida fóra"

Entrevista a Miguel Sande:
-- Aínda que poesía e teatro abranguen a meirande parte da súa obra, retorna de novo á novela tras aquel Se algún día esta muller morta (Galaxia), I Premio de Narrativa Breve Repsol YPF 2006, nesta A vida fóra, sendo unha novela, sitúa ao lector nun cruce de camiños onde conflúen tanto a prosa, como o teatro e un pouso da poesía.
-- [Sande] Eu levo vinte e cinco anos escribindo e sempre digo que veño dos barrios marxinais, que serían a poesía e o teatro. Agora estoume achegando ao que sería o barrio rico: a novela. Noutra das presentacións que fixemos este verán, en Barreiros, o dramaturgo Manuel Lourenzo comentou que se trataba dun monólogo teatral. Aínda que concorde con Manolo, eu tamén creo que se podería ler como un poema longo. Pero sobre todo é unha novela, unha novela curta. Na contracapa do libro Galaxia indicou que se trata dunha novela que está nos límites da narrativa. Coido que non hai fronteiras. Podería dicirche que hai poesía, que hai teatro, pero é novela. Os diferentes matices ten que atopalos o lector.
"A vida fóra é unha novela pequena en extensión pero grande en matices. De múltiples lecturas. Desas que emocionan ao lector. Porque A vida fóra é un xogo, de sorriso e desacougo. Porque todos nós coñecemos a unha María. Novela sorprendente baixo unha historia sinxela. Como a vida fóra.
MÁIS, na revista dixital FERVENZAS LITERARIAS.
Edita GALAXIA

7 abr 2011

"A intervención"

"A intervención de Teresa Moure (Monforte de Lemos, 1966) é unha novela ben resolta, na que a autora terma con rigor dunha certa tendencia ao exceso estilístico, mais faino sen renunciar á textura da escrita que xa lle é característica. Cun ritmo ben pautado, uns personaxes convincentes na súa vontade por viviren instalados nas estremas do convencional, e unha voz narrativa menos invasiva do que podían resultar as de anteriores entregas da autora, A intervención é unha novela que nos fala de moitas, moitas cousas, e que pide ser relida porque nos obriga a facernos preguntas de non doada resposta. Máis alá dun primeiro nivel de lectura en que se nos anima a cuestionar o canon e a función da arte tal e como adoito a concebimos, a obra é tamén unha proposta para repensar conceptos tan solidamente establecidos que nin maxinamos que poidan entenderse de xeito diferente: a amizade, o amor ou a maternidade. Pola contra, a Calveiro faltoulle en Settecento un chisco de perseverancia ou simple intuición para apostar en exclusiva por ese mundo venecián que tan ben recrea, e teima en achegar a súa ficción de novo a unha Compostela que nada engade, fóra de abortar a tensión conseguida e desorientar a quen le. Ás veces o exceso de ambición literaria, e de xenerosidade creativa, pode xogar malas pasadas".
[Texto de Dolores Vilavedra, no xornal El País]
Edita XERAIS

27 dic 2010

Se ten medo a voar, non lea "Caja negra"

O escritor Francisco Narla fai que a novela Caja negra avance sobre dúas vías paralelas que se corresponden cos seus protagonistas. O primeiro é un asasino en serie, Thomas Ray, que aproveita o seu traballo como piloto de voos internacionais para matar e agochar os cadáveres por aeroportos de todo o mundo. Neste sentido, o autor lucense observa que «ten unha profesión moi axeitada para ser asasino porque pode deixar un cadáver en Nova Iorque, outro en Bos Aires e un terceiro en Bangkok».  
Este personaxe, cuxa actividade coñecemos en 2007, comparte o protagonismo «cun funcionario gris dos anos 70, Sinesio Amorós, que, influído polo ambiente de interese pola parasicoloxía que houbo nese tempo, investiga unhas psicofonías na capela dun pazo que pertenceu a unha familia noble».   
Un terceiro personaxe de Caja negra é un xaponés caníbal que reside, mata e come cadáveres na Sorbona de París.
 Se a novela anterior Los lobos del centeno «era costumista, esta é un thriller ao estilo americano para entreter e que a xente pase medo», define Narla, para engadir que «o mellor afago que me dixeron sobre Caja negra veu dun lector que me comentou que lle caeu das mans do mal que o estaba pasando».  
O tamén escritor e director xeral de El Progreso, José de Cora, augurou que a lectura da novela de Francisco Narla —«con quien comparto la afición de escribir»— vai causar que «van a pasarlo mal y van a desear liberarse de los terrores que les provocará». Tras apuntar que «causa terror, algo que no es nada fácil».   
José de Cora cualificou esta obra como «una novela popular con lectura intelectual» para inscribila a seguir no xénero negro, «pero también es intelectual en cuanto al conocimiento y a la variedad. Eso hace que Caja negra sea una novela distinta a otras de su género».   
O director xeral de El Progreso trazou a importancia do apelido Ray (centeo, en inglés) no desenvolvemento da trama comentando que o centeo en mal estado favorece a aparición dun fungo que contén LSD. Subliñou que «el pan de centeno, tomado en malas condiciones, provoca las fiebres de San Antón».   
Francisco Narla anda escribindo unha terceira novela, na que volve sobre Galicia, como nos títulos anteriores: «Trátase dunha novela histórica baseada nas invasións normandas que entraron polas ribeiras do Ulla no século X», sinala. Engadiu o novelista que «o rapaz acaba refuxiado no castelo de Sarracín».
Texto do xornalista e escritor ribadense Jaureguizar, publicado en El Progreso.  
Edita ALBERTO SANTOS

"Sunset Park"

Paul Auster volve no Nadal, como os turróns ou as panxoliñas, cunha nova novela. Nesta ocasión é a quenda de Sunset Park, que xa está á venda nas librarías españolas. Auster escribiu unha obra coral onde o autor, galardoado co Premio Príncipe de Asturias, retoma temas como o destino, a culpa, a inocencia da xuventude ou a situación política e social dos Estados Unidos. 
Sunset Park toma como punto de partida a vida de Miles Heller, un mozo de vinte e oito anos, que aos vinte desanoou os lazos que o unían ao mundo que ata entón coñecera; abandonou a universidade, despediuse con nocturnidade e unha breve nota dos seus pais, deixou Nova York, e ninguén volveu saber nada del. 
Agora vive en Florida, e traballa para unha empresa ao servizo dos bancos da zona, que se encarga de baleirar as vivendas dos desafiuzados que en plena crise non puideron seguir pagando a súa hipoteca, preparándoas para unha nova venda. 
Miles non ten ambicións, vive co mínimo, mantén relacións moi escasas coa xente e co mundo, e os seus únicos luxos son os libros, que compra en edicións baratas, e a cámara dixital coa que documenta os fantasmas...   
Seguir lendo, en Xornal de Galicia
Editada en galego por GALAXIA (en castellano, ANAGRAMA)

26 dic 2010

"Reckless. Carne de pedra"

O xornal La Voz de Galicia publicou unha entrevista con Cornelia Funke, asinada por Enrique Clemente, a raíz da publicación do seu libro Reckless. Carne de pedra, que Xerais ven de editar en galego simultaneamente ao seu lanzamento internacional. 
Na entrevista, a autora alemá explica de onde xurdiu o seu interese polos contos galegos: «Uns nenos galegos escribíronme dicíndome que hai bruxas moi especiais en Galicia. Estou moi ilusionada e quero decatarme máis desas historias porque todos os meus amigos españois ou de fala hispana que residen en Los Ángeles, onde eu vivo, chámanme bruxa».  
A relación de Cornelia Funke con Galicia establécese, sobre todo, a partir dos seus lectores e lectoras, que demandan a súa presenza no noso país. Isto é o que a autora alemana di que lle solicitan: «Cornelia, tes que vir a Galicia porque temos bruxas e contos de fadas moi especiais». Logo endade: «Cando prepare o cuarto libro, desde logo que irei alí para coñecer ás meigas».  
Na entrevista tamén fala dos contos populares, da versión cinematográfica de Reckles. Carne de pedra, de literatura infantil, de internet e dos videoxogos.  
LIGAZÓN á entrevista completa, en La Voz de Galicia.  
Edita XERAIS

23 nov 2010

"Código morse"

O autor
"Nova edición, revisada polo autor, desta novela de aventuras e vida pacega que Xavier Alcalá publicara en 1996. O escritor mergulla os lectores nunha historia na que as mensaxes codificadas, os espellos e o trasmundo configuran un universo de misterio narrado con verosemellanza e capacidade para engaiolar.
"Nesta novela, Xavier Alcalá adéntrase con habelencia e eficacia de gran narrador nun relato de vida de pazo e aventuras polo mundo, de guerra e posguerra, de mudanzas sociais ata chegar case ao presente. Cambios sociais que fixeron abalar aquel universo aparentemente tranquilo da vida de pazo. O seu protagonista, un físico que só cre no que se pode formular e medir, conta unha historia de misterios, informulables e inmedibles.
"Xavier Alcalá descobre en Código morse a existencia dun segredo gardado por unha familia ao longo das xeracións, desde os tempos dun antepasado corsario. Un segredo cuxo coñecemento excita cobizas e mesmo leva ao crime. Un código e unha píntega mítica, que resiste ao lume, levan a mente cartesiana do narrador a resolver este enigma apaixonante.
"Segundo o crítico Xosé Antonio Ponte Far, prologuista da primeira edición da obra, Código morse é unha novela sólida, de longo alento e amplo percorrido, consistente na súa exposición e ben resolta, de doada lectura e contido interesante..."   
[O texto reproducido é o da presentación da editorial] 
Edita GALAXIA

18 oct 2010

"Asasinato no Consello Nacional"

"Un encarapuchado asasinou de tres disparos a Mario Dacosta, parlamentario do Bloque Nacionalista Galego, cando saía da reunión do Consello Nacional no que a executiva, co seu voceiro á cabeza, Óscar Quiroga, presentou a súa dimisión. Os feitos aconteceron pouco despois das seis da tarde, cando Dacosta se dispuña a arrincar o seu coche, estacionado no aparcadoiro do Hotel Congreso de Santiago de Compostela.
"Segundo fontes da Delegación do Goberno, o pistoleiro achegouse ao parlamentario e asestoulle tres tiros, fuxindo posteriormente nun vehículo Renault Clio. Un dos disparos impactoulle na cabeza, provocándolle a morte. Os servizos sanitarios trataron de reanimalo no lugar do crime, sen éxito, durante media hora. O presidente en funcións da Xunta de Galiza, Felipe Méndez Tarrío, cualificou o suceso de atentado contra a democracia.
"O vicepresidente Óscar Quiroga, amosouse conmocionado e afirmou que Galiza saberá estar á altura das circunstancias ante un asasinato que enche de rabia a todos os demócratas, e especialmente aos nacionalistas galegos. Fernando Xelmírez, secretario xeral UPG, partido integrado no Bloque e no que o parlamentario militaba dende 1982, amosouse conmocionado polo suceso e cualificou a Dacosta de camarada insubstituible e extraordinario patriota galego.
"Horas antes do crime, Óscar Quiroga anunciara a súa dimisión ao comezo do consello nacional da formación frontista, conclave no que tamén presentou a súa renuncia toda a executiva. Abríase así unha nova etapa despois da derrota sufrida nos comicios autonómicos do 1 de marzo, cuxos resultados devolveron a maioría absoluta ao Partido Popular en detrimento do bipartito formado por PSdG-PSOE e BNG. Alberto Cudeiro, un detective elegante con ínfulas taoístas, recibirá da dirección do BNG o encargo de investigar este crime, que o levará, tamén, a resolver un enigma relacionado coa guerra civil".
[O texto reproducido é o resumo do relato que ofrece a firma editorial]
Edita XERAIS

13 oct 2010

"Menú de enganos"

Reprodución facsímile do artigo publicado en Culturas,
suplemento de La Voz de Galicia.
Premer sobre a ilustrazón para amplia-la.

7 oct 2010

"O segredo de Marco Polo"

"Nesta nova novela, o autor, Francisco Castro, viaxa á Venecia do século XIII para construír unha historia de amor entre un xove soldado, fillo do militar máis importante da cidade (un home dominante que ten anulada a capacidade de decisión do seu fillo), e unha principessa, Naia, fermosa e adorada por toda a cidade, sobriña do Dogo e obrigada por este a un matrimonio de estado cun home que non quere e nin sequera coñece.
"A historia de amor entre o soldado e a princesa, xa que logo é un amor imposible. Ata que entra en xogo un Marco Polo que, xa contra o final da súa vida, vai vivir, axudando aos dous amantes, a súa derradeira aventura.
"Polo medio, un enigma, un segredo como suxire o título, que non se desvelará ata o final desta novela na que o autor recrea xa non só a Venecia do seu esplendor, senón que nos fai viaxar, da man do Marco Polo, ás terras da China e Mongolia que o xenial viaxeiro visitou por vez primeira na súa xuventude".
[O texto reproducido é o da presentación da editorial]
Edita GALAXIA

26 sept 2010

"Á sombra dos anacardios"

Á sombra dos anacardios é o terceiro título da colección Qontextos, e o autor é Antón Fortes, que foi quen abriu a serie con Fume.
Neste novo álbum abórdase o grave problema da sida en Guinea Bissau, un dos países que rexistra maior subdesenvolvemento de todo o mundo, polo que enfermidades infecciosas ou de transmisión sexual quedan sen tratar, o que provoca que se agraven e cheguen a producir a morte. A mortalidade infantil causada pola desatención en saúde é moi elevada en Gujnea Bissau, pois a taxa de mortalidade infantil é de 105 mortos de cada mil nados antes de cumprir un ano.
Este libro contou coa colaboración da oenegé Asemblea de Cooperación pola Paz, que fai traballo de campo en colaboración co Ministerio de Saúde de Guinea Bissau e varias comunidades locais, cos que executa proxectos para construir infraestruturas sanitarias, formación de persoal cualificado e tamén no eido da sensibilización social sobre a importancia da saúde. O autor cedeulle os dereitos do libro á onegé , tal e como xa fixo con Fume.
En Á sombra dos anacardios hai lugar para a esperanza: En pleno entroido de Bissau, na vida da pequena protagonista fai acto de presenza a máscara da morte e con ela o medo. No entanto, esta terrible figura é contrarrestada cos coidados e alento do doutor Vieira. Fiel á actitude vital desa poboación, Fortes transmite a capacidade de seren felices destes pequenos, a pesar do oprobio económico e enfermidade, que non é obviada polo autor. Así, o día da festa de entroido, as risas e os bailes nos que todos participan vense ensombrecidos por unha canción sobre a sida.
A ilustradora italiana Simona Mulazzani viste a narración con cores moi ligadas ao continente africano: verde, amarelo e vermello intensos. Unha paleta cromática que espalla por todo o álbum e coa que reforza a mensaxe optimista da historia. A aposta de Mulazzani por cores vivas e por personaxes de aparencia forte e saudable incide na mensaxe positiva e esperanzadora do relato de Fortes.
Edita OQO

27 ago 2010

"Apuntes históricos sobre Santiago"

"Este volume recupera once monografías do célebre historiador galego do XIX, Antonio López Ferreiro. Ningunha delas --excepto a que pecha a obra-- fora publicada antes en libro. Permanecían esquecidas desde fai máis dun século, cando apareceron en forma de extensos artigos integrados en revistas da época.
"Estes escritos percorren momentos clave da historia de Santiago de Compostela: documéntanos o autor sobre as orixes do mosteiro de San Paio de Antealtares, recrea o mito do Pico Sacro, interpreta as inscricións da Colexiata do Sar, explica o Códice Calixtino, ou narra a historia do malogrado bispo Suero de Toledo, entre outros temas.
"Sobre todos estes ensaios merece especial mención o seu relato sobre a historia do altar de Santiago, pois Ferreiro foi o arqueólogo que, en 1879, se había de encargar das excavacións que localizaron as reliquias do Apóstolo.
"En todos estes escritos, reunidos e estudados por Xosé Ramón Fandiño, queda patente a que, quizais, sexa a maior cualidade do historiador: ser o primeiro en Galicia en utilizar as fontes e os documentos como base para os seus estudos."
O texto aquí reproducido é o da presentación da editorial.
Edita ALVARELLOS

21 ago 2010

19 ago 2010

"Códice Calixtino"

O Códice Calixtino é unha das xoias da cultura europea e galega. Conservado na catedral de Santiago de Compostela, os seus contados --atribuídos ao papa Calisto II, aínda que sen probas-- foron recopilados desde o ano 1160. Nel se conservan textos litúrxicos, narración de miragres, descripcións dos camiños a Santiago e apoloxéticas do rei Carlomagno. Trátase dun texto que axuda a coñecer a historia da Galicia medieval.
Esta é a primeira edición do Códice Calixtino traducido integramente á lingua galega, traballo que fixo Xosé López Díaz.
É unha obra de referencia para entender o desenvolvemento e as orixes da cultura xacobea e esta primeira edición na lingua das terras de Santiago inclúe ilustracións do artista Francisco Leiro.
O Codex Calixtinus é o título que se lle dá ao manuscrito máis antigo, o que se conserva da catedral de Santiago, por aparecer nel o papa Calisto II, que foi un gran benfeitor do referente compostelán. O texto, que ao marxe do seu valor histórico, é ecléctico e de difícil lectura, está dividido en cinco libros e una serie de apéndices de extensión e contidos moi diferentes, todos eles dedicados á exaltación do universo xacobeo.
Edita A NOSA TERRA.

17 ago 2010

"Blues da crecente"

Reprodución facsímile do artigo publicado en Culturas,
suplemento de La Voz de Galicia.
Premer sobre a ilustrazón para amplia-la.

10 ago 2010

"A xeometría de Galicia"

O autor, membro fundador de Luar na Lubre
"A xeometría de Galicia, de Bieito Romero, é unha liña curva feita cos trazos sinuosos dos ríos, coas lomas dos montes, cos arcos que debuxan centos de calas ao longo da costa, cos serpenteantes carreiros e camiños ou cos vellos carballos envolvidos en si mesmos. Hai outras xeometrías máxicas que evocan o redondo discorrer do sol, os círculos dos castros poboados polos celtas ou os ingrávidos trisqueles que se coaron ata na bandeira da illa de Man, con Galicia, unha das sete nacións celtas.
"Centos de devanditos obxectos xeométricos protexen hórreos nos Ancares, coroan igrexas na Estrada, collen forma nos infatigables xiros dos tornos dos oleiros de Buño ou colgan, en cordóns de coiro, do pescozo de calquera mozo no festival irmandiño de Moeche; son pezas cuxas imaxes foron recollidas nos últimos anos por Bieito Romero --coñecido sobre todo como o fundador do grupo de música Luar na Lubre-- e que aparecen no libro Xeometrías máxicas de Galicia a través de máis de 440 imaxes que mostran a enorme riqueza da simboloxía de Galicia.
"A idea inicial era facer tamén toda a área de influencia do norte de Portugal, non que se refire á cultura castrexa, pero era moi complexo xa que só con Galicia foron moitos os quilómetros percorridos porque, ademais, estes obxectos son ás veces pequenos e ata poden pasar inadvertidos, explica Bieito Romero."
Máis información sobre este libro, en La Voz de Galicia.
Edita IR INDO

3 ago 2010

"Amigos sempre"

Doce anos despois da primeira edición, en 1998, sae de novo ao mercado Amigos sempre, a novela de Afonso Eiré que narra a represión e os abusos que se viviron nun seminario da provincia de Lugo a finais dos anos sesenta: "No libro relato a particular pedagoxía, a represión lingüística e o ataque aos valores culturais de Galicia e máis a represión que sufrimos os seminaristas, algúns deles víctimas tamén de abusos sexuais", segundo ten explicado o autor.
Os casos de menores que sufren ou sufriron abusos por parte de curas son un tema de actualidade e mesmo están a ocupar as primeiras páxinas dos xornais. Nembargantes, en Galicia no se coñecen sucesos de ese tipo: "En Galicia non estamos a vivir esa polémica porque a estrutura familiar tivo e aínda ten moita importancia; todo o mundo se coñece e hai uns anos se alguén padeceu abusos, a víctima e a súa familia fixeron un esforzo para esquecer o asunto".
Eiré tamén puntualizou que os feitos que expón na novela teñen que ser analizados como parte da memoria histórica colectiva, "como a historia dunha xeneración de xóvenes que abandoaron a aldea para ir ao seminarios coa finalidad de estudar unha carreira universitaria".
Afonso Eiré narra o que viviu e o que lle contaron os seus compañeiros, o que sufriu e o que durante a súa estancia no establecimiento católico imaxinou que estaba a ocurrir entre as paredes do seminario lucense: "Moitas das cousas que conto as vin, ademáis narro feitos que escoitei dos seminaristas do meu curso, os que entramos no ano 66, e tamén hai anécdotas que nun tempo eu pensei que foran froito da miña imaxinación pero que co paso dos anos descubrín que foron reais". O autor ten a convición de que grazas a que asiña foi expulsado do seminario "non teño sufrido nengún trauma, pero hai quen non quere lembrar o que viviu".
Edita GALAXIA

28 jul 2010

"Contos para nenos que dormen deseguida"

Trátase do novo libro do ilustrador David Pintor e do escritor Carlos López, máis coñecidos como Pinto & Chinto, que está dedicado ao público infantil. Son vintioito relatos cheos co humor que caracteriza as historias da parella de creadores: "Todo está moi condensado. Nunha novela podes ir polo miudo, pero aquí eso non serve, hai que eliminar o que é prescindíble", afirma Carlos López.
A brevedade e o humor das historias están claramente influidos pola limitación de espazo no papel co que traballan en La Voz de Galicia, onde publican unha colaboración diaria na sección de Opinión do xornal: "A diario temos que crear historias en dous o tres viñetas, eliminando o accesorio. Neste libro tamén facemos un traballo de síntese", explica Pintor.
Son historias orixinais basadas en arquetipos infantís coas que os autores só están a procura do sorriso e do entretenimento: "Son contos para antes de durmir, e non como aquel tan longo que, cando o acabas de contar, xa era hora de que o neno fose ao colexio", reza na contraportada do libro, que contén, entre outros relatos, títulos como O pirata moitabarba, O príncipe e a princesa, A serea e o humano, O volcán durmido...
Pinto & Chinto se sintes cómodos facendo cousas para nenos: "As tiras do xornal e os debuxos infantís son moi diferentes, no se poden comparar as idades dos lectores das primeiras coas dos rapaces dos segundos. Facer un libro para nenos esixe medir moi ben cada palabra porque é necesario que o entendan todo sen dificultade, e isto non é doado", subliña David Pintor.
Edita KALANDRAKA (do mesmo libro hai edición en castelán e portugês)

22 jul 2010

"Inmunda escoria"

Inmunda escoria foi o titular co que un xornal describiu aos estudantes universitarios antifranquistas que en 1968 saíron ás rúas de Compostela.
Este libro, co subtítulo A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, 1939-1968, é froito da exposición que a Fundación Dez de Marzo lle encargou a Ricardo Gurriarán para conmemorar os corenta anos das loitas do curso 1967-68 na universidade galega.
O libro foi posible grazas a un intenso labor de investigación en arquivos públicos e privados, malia os impedimentos legais que aínda hoxe amparan ás persoas, entidades, empresas e mesmo institucións nas que aínda traballan e teñen poder quenes colaboraron coa ditadura franquista.
O autor do traballo obtivo a colaboración de cen persoas que aceptaron ser entrevistadas e aportaron as súas testemuñas; entre elas figuran participantes directos e indirectos nas mobilizacións que se viviron na cidade compostelá.
No chamado 68 galego participou a minoría dunha xeración de persoas que desde entón, aínda que a súa forza cuantitativa foi pequena, influiron nos ámbitos político, social e cultural do país con resultados máis ou menos notorios.
A investigación de Gurriarán arranca no 1939 e avanza ano a ano para chegar ao curso 1967-68, cando as mobilizacións estudantís antifranquistas conquistaron espazos de liberdade. Sen aqueles acontecementos, a sociedade galega de hoxe sería diferente.
O libro contén un DVD.
Edita XERAIS

8 jul 2010

"Os celtas. Unha (re)visión dende Galicia"

"Os celtas, despois de moitos anos nos que se fixo investigación arqueolóxica sen precisar deles, rexurdiron en Europa e en toda a Península Ibérica como tema de investigación e, sobre todo, de polémica, na década dos oitenta. A comunidade científica, sensu lato, sufriu, en Galicia, unha división negativa entre celtófilos e celtófobos, como se de equipos de fútbol se tratase. Proliferaron, aquí, publicacións sobre o celtismo, nas que todo era, e aínda é, celta, ou nas que a verba celta pouco máis ocupaba que unha parte do título.
"Neste libro, o autor, Francisco Calo Lourido, fixo un achegamento á cuestión, fuxindo dos tópicos e das repeticións miméticas do que se escribiu sobre o celtismo europeo. Galicia ten unha personalidade propia e diferenciada desde a Prehistoria, polo que o estudo do seu devir histórico precisa dun tratamento específico. Partindo da premisa de que o celta é, primo et per se, unha cuestión de lingua, faise un percorrido polo campo do indoeuropeo, polo Hallstatt e La Tène, tratados como culturas arqueolóxicas, así como polas actuais teorías científicas peninsulares, para rematar entrando en Galicia.
"Repásase, aquí, a historiografía de precursores e románticos sobre celtas e analízanse as fontes clásicas que fan referencia á Terra. Dedícase un denso capítulo á fulcral cuestión lingüística e outro á sociedade e a relixión no resto de España e en Galicia, sempre procurando as posibles semellanzas e diferenzas. Faise tamén unha incursión na materia de Bretaña, polo achegamento céltico medieval que puido significar e compárase a arte peninsular dos pobos ibéricos, da Meseta e galaicos, para rematar cun achegamento aos aspectos etnográficos que, de xeito superficial e mistificador, figuran nas publicacións sobre celtas.
"Ilustra o libro un completo aparato gráfico, elaborado ad hoc polo autor, así como unha bibliografía ampla, actualizada e en versión orixinal dos diferentes países europeos nos que se investiga a presenza ou ausencia de celtas."
O texto reproducido é o de presentación da editorial.
Edita XERAIS