28 sept 2007

"De provincia a nación"

Beramendi, mestre de historiadores e autor deste enciclopédico traballo
De provincia a nación é o título baixo o que o historiador Justo G. Beramendi aglutina máis de 1.200 páxinas sobre a historia do galeguismo político froito de 25 anos de traballo. Trátase dunha investigación da natureza e da evolución dos movementos sociopolíticos de reivindicación de Galicia como suxeito político de seu dende as súas primeiras manifestacións individuais no século XVIII até a actualidade.
O tratamento do provincialismo, do rexurdimento e do rexionalismo do século XIX, e máis aínda do nacionalismo galego do século XX, faise cunha profundidade sen precedentes. Ademais, en paralelo coa historia central, Beramendi tamén introduce elementos referidos á cuestión das nacionalidades na España, o que permite ter en conta a incidencia de factores extragalegos e comparar o galeguismo político cos seus análogos doutros territorios da Península.
Todo iso, unido á consideración da natureza e dos problemas maiores da sociedade galega de cada época, dá as claves para unha explicación convincente das causas do nacemento, persistencia, posibilidades e limitacións do nacionalismo galego. Xa que logo, este libro é unha contribución decisiva para coñecer e entender porque Galicia ten hoxe unha personalidade política irreversiblemente orixinal e diferenciada.
Edita XERAIS

No hay comentarios:

Publicar un comentario

* CDL admite comentarios anónimos siempre que NO incluyan insultos ni difamaciones.
* CDL admite comentarios anónimos sempre que NON inclúan insultos nin difamacións.