CDL·Casa das Letras

CDL é o blogue de Casa Das Letras
Casa das Letras e máis Gráficas Santiago forman un todo integrado nun inmóbel que acolle un comercio libreiro (na planta baixa) e un centro de actividades culturais (no primeiro e segundo andar).
O centro cultural Casa das Letras, que é de iniciativa privada, fomenta a difusión da cultura nas súas distintas manifestacións e as súas instalacións están á disposición de escritores, editores, artistas, marchantes, entidades civís e institucións públicas para a organización de presentacións, exposicións, mostras, seminarios e outras convocatorias.
No mes de marzal de 2006, ano e medio despois da inauguración da Casa das Letras e coincidindo co 42º cabodano da inauguración da libraría Gráficas Santiago, o establecimento foi galardoado pola Federación Galega de Libreiros pola súa contribuzón á difusión da literatura galega.
A iniciativa de crear Casa das Letras obtivo o respaldo do Programa Leader Ponte dos Santos da Unión Europea (UE).
..
FONDO BIBLIOGRÁFICO, PRIMEIRO ANDAR
Casa das Letras conta cun fondo bibliográfico que está a disposición dos interesados en coñecer ou estudar a produción cultural ribadense, o que serve para pór en valor os traballos dos autores vencellados a Ribadeo, de xeito que o centro posúe documentos referidos á historia de Ribadeo, ademáis de novelas, ensaios, biografías, ensaios técnicos e científicos, cartas, etcétera.
..
SALA DE LETURA, PRIMEIRO ANDAR
Tamén no primeiro andar, Casa das Letras dispón dun espazo para a lectura e o estudo, de xeito que os usuarios disfruten da tranquilidade que esixen a consulta, a letura ou a conversación. Este espazo dispón de servizos sanitarios.
..
CONFERENCIAS E EXPOSICIÓNS, NO SEGUNDO ANDAR
Casa das Letras
acolle conferencias, exposicións e todo tipo de convocatorias de contido cultural, sexan de iniciativa pública ou privada. De feito, o centro é tamén un foro para o debate e a difusión de ideas e producións culturais, sexan xeradas por cidadáns ribadenses, da comarca, de Galicia ou doutros países.
..
CENTRO MULTIDISCIPLINAR
Casa das Letras non só tenta contribuir á revalorización da produción cultural de Ribadeo, senón que ademáis ten asumido o reto de dispor de todo tipo de publicacións relacionadas coas terras de Ribadeo e as súas xentes, de xeito que sempre que é posíbel adquire un exemplar para o fondo bibliográfico.
En máis ocasións das desexables, as obras dos autores ribadenses ou vencellados á vila son descoñecidas, mesmo para os residentes no concello ou na bisbarra; ben porque non é posíbel atopar un exemplar ou ben porque a obra foi esquecida, polo que as novas xeracións non teñen a posibilidade de coñecer esas aportacións.
Nese senso, é preciso subliñar que os traballos publicados por autores ribadenses abranguen case que todas as disciplinas, desde a Economía ás Enxenierías, as Matemáticas e a Filosofía, a Oceanografía e a Historia ou a Biología, e xéneros tan distintos como a narrativa, os libros de viaxes, a poesía ou o teatro; sen esquecer os cómics, a fotografía e outras creazóns.
Casa das Letras tamén considera unha obriga o fomento das relacións culturais e sociais entre as comarcas de A Mariña Luguesa e o Occidente Astur, con especial atención para a cultura das terras do Eo-Navia, onde milleiros de persoas aínda están a falar no galego de Asturias.

MÁIS referencias de Casa das Letras, en:
Tlf.: 982 128 179.
Correo electrónico: buzoncdl [arroba] gmail.com.
Xerente: Andrés López-Santos Santiago.
Fundadores (10 marzal 1963): Andrés López-Santos González-Paraños e Luísa Santiago García.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada

* CDL admite comentarios anónimos siempre que NO incluyan insultos ni difamaciones.
* CDL admite comentarios anónimos sempre que NON inclúan insultos nin difamacións.