Mostrando entradas con la etiqueta Lenguas/galego. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lenguas/galego. Mostrar todas las entradas

15 may 2010

Día das Letras Galegas 2010: Uxío Novoneyra

Este ano o Día das Letras Galegas, o 17 de maio, está adicado a Eugenio Novo Neira, máis coñecido como Uxío Novoneyra, que naceu en Parada (parroquia de San Xoán de Seoane, concello de Folgoso do Courel) no mes de xaneiro de 1930, e morreu en Santiago de Compostela o 30 de outubro de 1999.
Fillo de labregos, estudou o bacharelato na cidade de Lugo e en 1948 matriculouse na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Madrid, onde comenzou a escribir poesía en castelán. Algunhas das súas composicións foron publicadas na revista Bengala.
En Madrid coñeceu a Xesús Alonso Montero, militante do PCE e culturalmente galeguista, quen influiu de xeito moi notable na formación intelectual de Novoneyra. Foi Alonso Montero quen conservou o que está considerado o primeiro poemario de Novoneyra, Abrojos (en castelán), do que se reeditou parte do seu contido o ano 2002 grazas a Alonso Montero.
En 1950 e 1951 se publicaron duas coleccións de versos de Novoneyra: Poemas de Dios e Caurel (en castelán), que constituíron a base sobre a que despois creou Os eidos, que para moitos é a obra cumbre do poeta do Courel.
Xa no 1952 e instalado en Santiago, Novoneyra coñeceu a Maside, Piñeiro e Otero Pedrayo, e foi entón, influído por eles, que decidiu escribir só en galego. Se Alonso Montero fora quen aportou as bases da personalidade intelectual de Novoneyra, Piñeiro e Manuel María foron os que marcaron a súa maduración literaria e ideolóxica.
No ano 1953, Novoneyra enfermou gravemente (pleuresía) e por consello médico regresou ao Courel, onde residiu ata 1962. Ese retiro favoreceu en grande medida o seu traballo literario, pois no 1955 publicou a primeira edición de Os eidos, traballo que non deu por remtado e ao que engadiu sucesivas aportacións ata o ano 1974.
Tamén perante a década dos anos cincoenta comenzou a publicar poemas e textos en diversas revistas (Vida gallega, Aturuxo, Follas secas, Luzes de Galicia, Nordés, Ólisbos, Dorna, Ronsel), e algúns dos seus versos foron incluídos na segunda Escolma de poesía galega. Os contemporáneos, que baixo a dirección de Fernández del Riego publicou a editorial Galaxia.
En 1962, Novoneyra regresou a Madrid e iniciou a súa traxectoria profesional na radio e máis na televisión, participando en programas e espazos culturais dedicados a poetas españois e estranxeiros. Foi nesa época cando frecuentou o café Gijón e entablou relación co grupo galeguista Brais Pinto. En 1966 publicou Elexías do Courel e outros poemas, nunha edición bilingüe en castelán e galego. Ese mesmo ano decidiu regresar ao Courel por razóns familiares (os seus pais, xa vellos, enfermaron gravemente e morreron en 1971 e 1973).
En 1982, Novoneyra foi elexido presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega e ao ano seguinte abandonou definitivamente O Courel para se establecer en Santiago de Compostela.
Os seus libros fundamentais son Os eidos (Galaxia, 1955); Elexías do Courel e outros poemas (Rialp, 1966), e Os eidos II (Galaxia, 1974).

18 abr 2010

Só 5 de cada 100 galegos len habitualmente na lingua autóctona

Unha reportaxe no xornal La Voz de Galicia adianta que só 5 de cada 100 residentes en Galicia le habitualmente na lingua autóctona: "O estudo que proximamente fará público a Consellería de Cultura inclúe por primeira vez os datos de cal é a lingua de lectura utilizada en Galicia. Segundo os autores do informe, a intención é determinar cal é a lingua de uso habitual á hora de ler. Segundo ese dato, o 93,6% dos galegos len habitualmente en castelán. Un 5,5% declaran facelo habitualmente en galego. Esta porcentaxe sobe ata o 54,4% se os lectores son aqueles que len un libro por trimestre".
MÁIS, en LA VOZ DE GALICIA.

31 ene 2010

"55 mentiras sobre a lingua galega"

ProLingua, plataforma civil comprometida coa defensa da lingua galega, presentará o próximo venres día 5 de febreiro a súa primeira publicación: 55 mentiras sobre a lingua galega, compendio de textos coordinado por Xosé Henrique Costas, profesor da Universidade de Vigo.
O libro é un argumentario sinxelo, ao tempo que sólido e rigoroso, que axuda a superar as valoracións e interpretacións subxectivas e ideoloxizadas que se teñen feito sobre a lingua desde ópticas partidistas que nalgúns casos só teñen por obxectivo frear a normalización de usos da lingua no propio país galego.
Na vila de Ribadeo o libro será presentado por Xavier Campos e Rocío Dourado, na Casa das Letras ás 20:30 horas (oito e media do serán).
Edita LAIOVENTO
LIGAZÓN ao blogue de ProLingua.

29 nov 2009

"A semente da nación soñada", libro-homenaxe a Méndez Ferrín

Méndez Ferrín
O texto que se reproduce de seguido foi asinado pola comisión de homenaxe a Xosé Luís Méndez Ferrín:
"No outono de 1989, a piques de caer o Muro de Berlín e de comezar en Galicia a longa xeira do fraguismo, Xosé Luís Méndez Ferrín xuntou en Compostela, na sede da Fundación Sotelo Blanco, un grupo de xente nacionalista e de esquerdas para expoñerlle o proxecto dunha revista trimestral coa que (re)pensar Galicia e o mundo desde Galicia. Meses despois comezaba a súa travesía A Trabe de Ouro. Publicación galega de pensamento crítico, so a dirección do propio Ferrín e co texto Estamos abertos a todos e a todo; teimamos que nada do noso tempo e terra nos sexa alleo, como mascarón de proa dunha revista plural.
"Cando A Trabe xa levaba feitas moitas singraduras, a algúns dos que nela navegan pareceulles necesario (e urxente) facerlle unha homenaxe ao insigne temoneiro en forma de libro dos amigos. Propúxoselles a idea a Olegario Sotelo e a Manuel Bragado, responsables das dúas casas onde o homenaxeado levaba anos publicando, que a acolleron moi satisfactoriamente.
"O 23 de marzo do 2006 constituíuse en Vigo a Comisión de Homenaxe a X. L. Méndez Ferrín, formada por varios membros d’A Trabe (Francisco Fernández Rei e Rosa López, secretarios do consello de redacción; Antón Dobao e Miguel Anxo Seixas, membros dese consello desde o seu inicio); por xente moi vencellada á revista desde había tempo (Anxo Angueira, editor e estudoso da obra de Ferrín; Xosé-Henrique Costas González, promotor do seu Honoris Causa pola Universidade de Vigo); e por representantes das dúas editoriais (Olegario Sotelo e Xabier Vázquez, por Sotelo Blanco Edicións; Manuel Bragado e Xosé M. García Crego, por Edicións Xerais de Galicia --Crego e Xabier son, por outra parte, integrantes do equipo da revista).
A devandita Comisión acordou preparar un libro-homenaxe a Ferrín para o 2008, por facer este 70 anos, por ser o 50 aniversario de Percival e outras historias e, sobre todo, por tratarse dunha das figuras sobranceiras do panorama sociocultural da Galicia moderna.
"En posteriores reunións celebradas en Compostela e en Vigo a devandita comisión debateu os criterios da selección da xente que se ía convidar. Acordouse, en primeiro lugar, invitar a todo o consello de redacción d’A Trabe, por ser neste ámbito onde xurdiu a iniciativa; e logo a persoas que durante anos tiveron (ou aínda teñen) relación persoal con Ferrín por compartiren proxectos políticos ou socioculturais, por seren estudosos da súa obra ou por outros motivos.
"A cada invitado pedíaselle unha colaboración que xirase sobre a súa relación persoal con Ferrín ou sobre calquera aspecto da súa complexa e fecunda obra. Coas achegas dos que acudiron á chamada fíxose unha primeira sección de semblanzas biográficas e socioliterarias, con 22 contribucións a xeito de pellos (ou teselas) que compoñen un mosaico que axuda a ver e entender a complexa personalidade humana e intelectual do homenaxeado. Vizosa é tamén a seguinte sección, 20 estudos sobre moi diversos aspectos da súa obra, con enfoques ben diferentes.
"Segue un apartado de traballos varios, que versan sobre aspectos da obra de autores queridos por Ferrín (Murguía, Curros, Castelao…) ou sobre filoloxía medieval, xunto con colaboracións en que a obra do homenaxeado dun xeito ou doutro está presente. E posteriormente figura unha breve sección de creación literaria con textos tanto en verso como en prosa. O libro féchase cunha ampla e completa bibliografía coa produción literaria, ensaística e científica de Ferrín e cos seus numerosos artigos aparecidos en moi diversas publicacións periódicas.
Reprodución rigurosa dos orixinais
"A maior parte das contribucións están en galego, e tamén hai algunha en portugués, pois estes eran os idiomas en que se acordou que debían estar escritas as colaboracións. Unicamente se recibiu un texto en castelán e outro en catalán, polo que se decidiu editar os orixinais tal como os mandaron os autores, e achegarlles cadansúa versión á nosa lingua. Nalgúns textos en galego, tanto en creación literaria como noutras seccións, ás veces hai unha tolerada transgresión da normativa vixente, observable na presenza de formas dialectais, dalgúns castelanismos ou mesmo de formas literarias non asumidas na vixente codificación. Queríase, á hora de reproducilos, non alterar o estilo de quen escribe.
"Estamos seguros de que despois desta han facerse outras merecidas homenaxes ao autor de Arraianos. Nós estamos satisfeitos de abrir o camiño con este particular libro dos amigos e das amigas, daqueles e daquelas que estimou a comisión e que tiveron a ben responder á chamada.
"A presente obra, xa que logo, é unha mostra de agradecemento e de cariño ao amigo Ferrín do Arrabaldo do Norte, que seguindo o ronsel de Murguía e dos que soñaron unha Galicia ceibe e soberana, empeña a súa vida na construción da Nación; e tamén ao amigo Ferrín, renovador constante da creación literaria, que desde moi novo anda á caza da olorosa pantera, á caza dun galego radical e puro, descolonizado de castelanismos, que á vez sexa popular e útil para a comunicación da cultura moderna, un idioma válido para todos os galegos e para todos os usos da lingua.
"Beizón, mestre e amigo!
"Nós tamén navegar na procura do saber e da liberdade, na procura desa tan arelada (e nunca alcanzada) trabe de ouro."
Edita SOTELO BLANCO

15 nov 2009

"Linguas, terras e tempos" e as orixes do galego

Premer sobre a ilustrazón para amplia-la
Polo seu interese á hora de coñecer mellor as orixes da lingua galega, ao tempo que a historia do país e da Península, paga a pena ler o post "Linguas terras e tempos", no blogue ribadense No vento de Cavanardá, que comenza coa reprodución dun párrafo do libro Iniciaçao na literatura portuguesa, de António José Saraiva:
"Na batalha de Uclés (1108) em que foi derrotado pelos Mouros, Afonso VI, o conquistador de Toledo, rei de Leao e de Castela, perdeu um filho querido. A crónica latina em que é narrado este acontecemento interrompe o texto latino para reproduzir a lamentaçao do rei na sua própria lingua materna: "Ay meu fillo! ay meu fillo, alegria do meu coraçon e lume dos meus ollos, solaz de mia velhece! Ay meu espello en que me soía veer e con quen tomaba gran prazer! Ay meu herdeiro mor. Cavaleiros, u me lo deixastes? Dádeme o meu fillo, Condes!
"Qualquer leitor entende que o rei de Leao e Castela se estava queixando em galego, que era a sua lingua, a sua lingua de criaçao. Este rei era avô de Afonso Henriques, o primeiro rei de Portugal."
O administrador do blogue No vento de Cavanardá fai de seguido unha serie de matizacións e formula unha pregunta que move á reflexión:
¿É críbel que o galego fose a lingua de expresión e de creación dos reis propios -que se nos transmiten sempre como de León ou Asturias- e mesmo dos alleos -casteláns como Afonso X o Sabio, que tiña a súa Corte en Toledo- sen que houbese unha correspondencia no plano politico e económico que explicase por que o galego e por que a Galiza daquel tempo eran semellante foco de cultura?  
Premer aquí para ler íntegro o artigo "Linguas, terras e tempos".
LIGAZÓNS de interese: "Tópicos sobre a lingua galega", no blogue O Toupo que Fuza; e "Iberia, un mosaico que actualmente está infravalorado", en Im-Pulso.

5 oct 2009

Freixeiro Mato presenta "Sobre o racismo lingüístico" na Casa das Letras

"Queremos demostrar, en primeiro lugar, que as galegas e os galegos estamos vivas e vivos; que aspiramos a seguilo estando, na nosa terra e coa lexítima propiedade da lingua galega.
"En segundo lugar, non aceptamos resignadamente que se nos inoculen doses mortais de amnesia, que derrame ou vaporice tantos anos --décadas-- de loita pacífica, democrática e pedagóxica a prol do idioma, coas únicas armas que el nos dá: as palabras, os significados recuperados e a forza da razón e da devolución do que nos foi extirpado.
"En terceiro lugar, en fin, porque é xa anacronismo sobexo e insolencia demasiada termos que aturar, transcurrida case unha década do século XXI, o revival de vellos e resesos prexuízos, de exclusións antigas disfrazadas, en camuflaxe oportunista, de proscricións modernas".
Así expresan a súa opinión os autores do libro Sobre o racismo lingüístico: Celia Mª Armas García, Mª Pilar García Negro, Manuel Ferreiro Fernández, Xosé R. Freixeiro Mato, Xosé M. Sánchez Rei, Goretti Sanmartín Rei, Francisco Rodríguez Sánchez e Luis Villares Naviera.
Este xoves día 8, ás 20:30 horas (oito e media do serán) na Casa das Letras, coa colaboración da Agrupación Cultural Francisco Lanza, falará Xosé Ramón Freixeiro Mato, coautor do libro e profesor da Universidade da Coruña.
Edita LAIOVENTO
LIGAZÓNS coas ePáxinas de varias iniciativas e entidades que traballan pola recuperación e a normalización da lingua galega: GALEGO, PATRIMONIO DA HUMANIDADE; MANIFESTO POLA HEGEMONIA SOCIAL DO GALEGO; MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA; O GALEGO É ÚTIL; PRO·LINGUA e QUEREMOS GALEGO!
..
AO DÍA SEGUINTE: A charla do profesor Xosé Ramón Freixeiro na Casa das Letras foi clarificadora e un éxito de participación. Dende aquí, agradecer á Agrupación Francisco Lanza a súa colaboración na organización deste e doutros actos na nosa/súa casa.

12 may 2009

Ramón Piñeiro, protagonista do Día das Letras deste ano

O Día das Letras Galegas deste ano, o vindeiro domingo 17 de maio, está adicado a Ramón Piñeiro López (1915-1990), aínda que non é tan coñecido polos seus escritos como pola súa proxección política. O seus primeiros textos --entre os que destacan Significado metafísico da saudade (1951) e Para unha filosofía de saudade (1953)-- acadaron moi escasa repercusión debido aos seus contidos, de carácter teórico, e a causa do carácter españoleiro --uniformador e excluínte-- do goberno, da elite cultural e tamén da sociedade da época.
A faciana de Piñeiro como escritor, aínda que de relativo valor literario, só comenzou a ser coñecida en ámbitos non elitistas nos anos oitenta, cando os seus traballos A filosofía e o home e Saudade e sociedade foron integrados nun só volume baixo o título A filosofía da saudade.
Piñeiro, pola contra, é case que descoñecido como tradutor de traballos en línguas estranxeiras pesei a que, xunto a Celestino Fernández de la Vega e con acerto indudable, traduciu ao galego o Cancioneiro da Poesía Céltica, de Julius Pokorny; e tamén traduciu con moita sensibilidade e axeitado rigor a histórica conferencia Da esencia da verdade, do filósofo xermánico Martin Heidegger.
A traxectoria dun posibilista
Piñeiro cursou o Bacharelato en Lugo e despois se estableceu no seu pobo, Armeá (Láncara, Lugo), onde residiu ata 1932, cando regresou á cidade da muralla e iniciou a súa relación cos que tentaban organizar as xuventudes do galeguismo, polo que en 1933 asistiu á asemblea do Partido Galeguista (PG) celebrada en Santiago, onde coñeceu a Castelao e a Bóveda.
No ano 1936, Piñeiro foi elixido secretario do comité provincial lugués do PG para o plebiscito do Estatuto de Autonomía e, no outono dese mesmo ano e con Galicia xa baixo o control dos golpistas, Piñeiro foi denunciado pola súa relación cos nacionalistas; pero os seus amigos da dereita e mesmo falanxistas evitaron que fose detido. De feito, Piñeiro, chamado a filas, foi soldado no exercito franquista.
Rematada a guerra, o lugués iniciou os seus estudos universitarios en Santiago e, xa no ano 1943, participou en varias reunións coas que se pretendeu reorganizar o galeguismo; nembargantes, a tentativa fracasou pois o PG carecía de forza e a maioría dos seus militantes renunciaran á acción política na clandestinidade. Perón, Piñeiro mantivo viva a tarefa de convencer ás clases dirixentes do país --tamén as organizacións clandestinas que tiñan presenza na Galicia franquista-- fixeran súa a defensa da cultura galega ao marxe de ideoloxías. Ao regreso dunha viaxe a París na que mantivo contactos con membros do exilio republicano, Piñeiro foi detido en Madrid e condenado a seis anos de cárcere, dos que cumpliu tres.
Xa no ano 1950, Piñeiro participou na creazón da Editorial Galaxia, da que foi o seu primeiro director; no 67 ingresou na Real Academia Galega, no 83 foi o primeiro presidente da entidade Cultura Galega, e foi deputado independente elexido na candidatura coruñesa do PSdeG-PSOE na primeira lexislatura do Parlamento Galego.

8 may 2008

"A represión lingüística en Galiza no século XX"

Nun momento en que desde algúns sectores minoritarios da sociedade se pide a derogación da Lei de Normalización Lingüística e, en nome da liberdade, se pretende revogar o decreto polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo, ou mesmo se propón lexislar para protexer o castelán fronte á imposición das outras línguas españolas, este libro vén a demostrar que se houbo unha lengua reprimida e perseguida en Galiza, esta foi o galego.
A represión lingüística en Galiza no século XX , de María Pilar Freitas Juvino, sitúase no contexto do contacto, substitución e morte de línguas como resultado, na maioría dos casos, dun proceso de "imperialismo lingüístico". Fronte a isto, deféndese o ecoloxismo das línguas como unha característica arrequecedora, inherente ao ser humano e necesaria para supervivencia das culturas e mesmo dos sentimentos e coñecementos.
Neste libro realízase unha exhaustiva análise das innumerables agresións sufridas pola língua galega ao longo do século XX, desde a lexislación emanada do poder para lograr a imposición do castelán en todo o territorio do Estado, ata o desmantelamento de institucións culturais, a persecución dos galeguistas ou o desprezo e a burla sufrida polos galegofalantes.
Ademais, no libro analízanse as actitudes de institucións como a Real Academia Galega ou a Igrexia Católica respecto da língua de Galiza.
Finalmente, investígase acerca de cómo esta realidade sociolingüística se viu plasmada na literatura galega, pois a literatura é outro espello no que se reflicte, non só a persecución e o desprezo ao galego, senón o complexo de inferioridade aínda certo na sociedade.
Edita XERAIS

29 sept 2007

"Libros del Eo-Navia", a blogue do galego de Asturias

A ilustración aquí reproducida foi capturada na blogue Adhesivos del Eo-Navia, na que se reproducen adhesivos editados no Occidente Astur, nunha coleción que abrangue moi variadas motivacións: sociais, culturais, turísticas, económicas, políticas, etcétera. Paga a pena facer unha visita á blogue
Pola súa importancia e significados culturais, estes días é noticia a iniciativa dos membros da Asociación Abertal del Eo-Navia que veñen de abrir na Blogosfera a súa propia fiestra: Libros del Eo-Navia, unha ePáxina adicada a ofrecer unha escolma das publicacións --non só libros, pois tamén figuran revistas e variada documentación-- a propós do galego de Asturias, tamén chamado o galego do Eo-Navia.
Sexa benvida a iniciativa e que a súa actividade sexa útil para pór claridade e contribúa ao peche definitivo das cíclicas controversias sobre o carácter da língua que se está a falar a leste do río Eo, que segundo os científicos é galego; ao marxe de que teña lóxicas influenzas do asturianu e mesmo do castelán, do mesmo xeito que, por exemplo, o catalán que se fala no Rosellón está contaminado polo francés.

23 mar 2007

"Informe lingüístico sobre a nosa terra Eo-Navia"

"La situación del gallego-asturiano no está clara, pero parece que apenas se han realizado esfuerzos para promover esta lengua, ya que sigue sin reconocerse claramente su identidad específica como variante lingüística del gallego".
Este é o texto da conclusión do Primeiro Informe del Comité de Expertos del Consello de Europa sobre la aplicación en España da Carta Europea das lenguas Rexionais e Minoritarias (2005).
A edición galega vai redactada na variedade escrita do galego de Asturias, e foi elaborada a iniciativa do Mesa prá Defensa del Galego de Asturias (MDGA).
Edita: ASOCIACIÓN ABERTAL DEL EO-NAVIA.
ENLACE á ePáxina de Vieiros TERRA EO-NAVIA, que é administrada por Abertal.

2 mar 2007

"A lingua galega na cidade no século XX"

A lingua galega na cidade no século XX ofrece unha aproximación social á situación social do idioma no medio urbano. O libro aborda en profundidade a análise sociolingüística das cidades galegas no seu conxunto e céntrase nos principais indicadores da vitalidade da língua nacional: coñecemento, língua inicial, língua habitual, usos na familia, usos escolares e usos laborais... Mais tamén afronta unha análise do cambio lingüístico, mesmo o interxeracional e desde unha perspectiva novedosa. Ademais da visión do conxunto urbano, tamén presenta unha análise comparada da situación do idioma nas sete principias cidades galegas.
O libro achega importantes aspectos de interpretación, nomeadamente no terreo das interacións lingüísticas familiares, sección na que se tratan non só as tendencias, senón tamén as causas e motivacións do cambio lingüístico.
Igualmente, presenta as principais liñas da evolución histórica do galego ao longo do século XX, constituíndo así unha ferramenta moi útil para entender a historia social do galego no trascendental medio urbano.
Gabriel Rei-Doval (O Baño, Mugardos, 1967) é doutor en Filoloxía Galega, profesor de Sociolingüística no Departamento de Español e Portugués da Universidade de Wisconsin, Milwakee (EE UU), onde desenvolve tamén cursos de cultura galega. Previamente, ensinou lingua e cultura galegas no Queen’s Collage da Universidade de Oxford e na Universidade de Birmingham. Na década de 1990 perteneceu ao Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega (RAG).
Entre outras publicacións, é coautor dos diversos volumen do Mapa sociolingüístico de Galicia (1990-97)., editados pola RAG, así como de Publicidade e lingua galega e Vender en galego (Consello da Cultura Galega), e coeditou o Manual de ciencias da linguaxe (Xerais). A súa investigación desenvólvese principalmente no eido da sociolingüística e da historiografía lingüística.
Edita XERAIS