Neste 2007, con motivo do 125 aniversario do teatro galego, estanse a desenvolver diversas actividades conmemorativas e acordouse a elaboración do primeiro Plan Galego das Artes Escénicas, co obxetivo xeral de estimar tanto os logros acadados até hoxe polo noso teatro como as súas potencialidades de futuro.A efeméride, sinalada pola estrea o 13 de agosto de 1882 na Coruña da obra A fonte do Xuramento, de Francisco María de la Iglesia, festexarase cunha exposición didáctica itinerante, un congreso das artes escénicas, unha programación especial de espectáculos e unha campaña publicitaria de sensibilización social.
O Plan Galego das Artes Escénicas quere ser a ferramenta que contribúa eficazmente a converter esta manifestación artística nunha das canles preferentes de expresión e difusión da nosa cultura dentro e fora de Galiza, por medio de eixos de intervención que van desde a consolidación da industria das artes escénicas até o fomento da accesibilidade para os públicos.
Outro dos eventos senlleiros deste 125 aniversario será unha exposición comisariada polo estudoso da historia do teatro Carlos Biscaínho, que achegará, a través de imaxes e obxetos e de xeito didáctico, o devir do teatro a través dos grandes períodos históricos da actividade dramática galega. A mostra, que se inaugurará na Coruña no mes de xuño, completarase cun espazo versátil de visionado e relación cos diferentes sectores implicados na creación escénica, denominado Pavillón Lino en homenaxe a todos aqueles locais de exhibición que tiñeron un papel destacado no noso teatro.
No outono, realizarase o Congreso das Artes Escénicas de Galiza. Así mesmo, os espectadores poderán asistir nos vindeiros meses a unha programación escénica especial coa finalidade primordial de achegar o teatro aos públicos novos e en espazos e ámbitos non habituais.
Ademáis, acaba de saír a rúa o primeiro número da revista Paraíso, un novo elemento promocional dos espectáculos galegos, de periocidade mensual, con reportaxes e entrevistas, fichas de identificación de todos os espectáculos de teatro, danza e música, e máis o seu calendario de funcións.
Grazas polo texto. Unnamorado do teatro.
ResponderEliminarNorte de Portugal e Galiza: Um Futuro Comum?
ResponderEliminarLê e comenta.