3 jun 2009

Tres guías das fervenzas de Galicia

Entre as guías da editorial Cumio figuran tres de moito interese para quen tente coñecer mellor a xeografía galega e, ao tempo, busque lugares fermosos. Trátase dos libros Guía das fervenzas da Coruña, Guía das fervenzas de Pontevedra e Guía das fervenzas de Lugo e Ourense.
O autor das dos primeiras é Ramón Muñiz de las Cuevas, que no caso da terceira --á referida ás provincias de Lugo e Ourense-- contou coa colaboración de Margarita Fontenla Cotelo.
O texto de presentación da editorial subliña o seguinte:
"As fervenzas, polo seu indubidable impacto estético, tratan de ser un reclamo para enxalzar o noso espazo natural, porque sen dúbida elas son un aliciente singular da engaiolante paisaxe fluvial que reverdece a nosa terra.
"Posiblemente as fervenzas sexan un dos fenómenos máis fermosos que provocou o desmembramento de Pangea. Ao dividirse a Terra en continentes e orixinarse unha nova xeografía, producíronse gretas e fortes desniveis nas canles fluviais que xunto coa erosión foron cicelando as paredes graníticas polas que se precipitaban as augas, que embeleceron os ríos e lle deron ao seu contorno un particular atractivo.
"O feitizo das fervenzas acadou tamén a imaxinación popular, que as subsumiu no seu universo mítico-máxico e deron orixe a toda unha serie de lendas relacionadas con curacións milagreiras, elucubracións fantásticas, crenzas sobrenaturais, misterios agochados baixo as súas pozas, que significaron un importante enriquecemento da tradición oral e do folclore."
Edita CUMIO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

* CDL admite comentarios anónimos siempre que NO incluyan insultos ni difamaciones.
* CDL admite comentarios anónimos sempre que NON inclúan insultos nin difamacións.