Unha festa de disfraces acaba de madrugada nun camiño afastado onde Sofía e Lupe son violadas. Durante os días que seguen descubrirán que, como Medusa, moitos non se atreven a miralas en fite. ¿Son elas quen deben avergoñarse?, ¿iso non ocorrería se non levasen minisaia?, ¿é mellor non denunciar, non procurar complicacións?
Este relato de Marilar Aleixandre --de lectura aconsellada para xóvenes-- está inspirado no mito de Medusa, castigada despois de ser violada a levar serpes por cabeleira.
Dende a mesma noite da agresión vai comezar para as dúas mozas o pedregoso camiño da busca da xustiza. Debateranse entre sucumbir e cargar coa lousa que algúns queren pousar sobre elas ou aferrarse a aqueles que as alentan a seguir na procura da propia dignidade e do dereito a superar o sucedido. Narrada en terceira persoa, A cabeza de Medusa conxuga a descrición, a narración e o diálogo, así como o xénero xornalístico.
Segundo subliñou o xurado que lle otorgou o Premio Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2008, Aleixandre utilizou nesta narración “unha prosa áxil e dinámica que avanza con maxistral fluidez dende o comezo en que se coñece o acontecemento que desata a trama, ata a última páxina en que se resolve”.
A amplificación social da violación e tamén a procura dos amores ventureiros, o papel do amor e a amizade na resistencia ao medo e á vergoña son temas abordados con valentía, claridade e tenrura.
Edita XERAIS
No hay comentarios:
Publicar un comentario
* CDL admite comentarios anónimos siempre que NO incluyan insultos ni difamaciones.
* CDL admite comentarios anónimos sempre que NON inclúan insultos nin difamacións.