2 sept 2008

"Un home na escuridade"

A partir de hoxe distribúese nas librerías a edición galega de Un home na escuridade, a nova novela de Paul Auster. A lingua galega participa dese xeito, a través de Editorial Galaxia, no lanzamento mundial desta novela, aínda inédita en lingua inglesa, que se publicará en galego ao mesmo tempo que Editorial Anagrama a publica en castelán.
Na súa novela, Paul Auster enfróntase ás fantasmas da sociedade contemporánea cunha trama que conxuga a historia de August Brill, un crítico literario retirado que padece insomnio, coa duns Estados Unidos sumidos nunha nova guerra civil logo da secesión dalgúns estados por causa dos resultados electorais do ano 2000.
Nun xogo fascinante, no que a realidade se ve iluminada pola imaginación, despréganse dúas novelas; nunha delas, o protagonista é Owen Brick, un mago coñecido como o Gran Zavello, e o escenario uns fantasmais EUA, sen guerra de Irak nin Bush, sumidos nunha contenda civil. Auster sitúanos así perante unha retorta e reveladora versión da política norteamericana actual e dos seus dilemas éticos. A outra é a “novela familiar” do narrador, na que August Brill nos conta e se conta a súa propia vida, descobre e descóbrenos, detective insomne e desolado, dilemas, amores, segredos e traizóns.
August Brill sufriu un accidente de coche e estáse a recuperar cas de súa filla, en Vermont. Non pode durmir e inventa historias na escuridade. Nunha delas, Owen Brick esperta no fondo dun foxo do que non pode escapar. Non sabe onde está nin como chegou ata alí, mais sente o ruído dunha batalla. Os EUA están inmersos nunha guerra civil. Non houbo atentados o 11 de setembro nin tampouco hai guerra de Irak. O mago descobre que os Estados Unidos combaten desde hai tempo, mais contra eles mesmos, porque uns cantos estados –agora desunidos- declararon a independencia.
Edita GALAXIA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

* CDL admite comentarios anónimos siempre que NO incluyan insultos ni difamaciones.
* CDL admite comentarios anónimos sempre que NON inclúan insultos nin difamacións.