29 nov. 2009

"A semente da nación soñada", libro-homenaxe a Méndez Ferrín

Méndez Ferrín
O texto que se reproduce de seguido foi asinado pola comisión de homenaxe a Xosé Luís Méndez Ferrín:
"No outono de 1989, a piques de caer o Muro de Berlín e de comezar en Galicia a longa xeira do fraguismo, Xosé Luís Méndez Ferrín xuntou en Compostela, na sede da Fundación Sotelo Blanco, un grupo de xente nacionalista e de esquerdas para expoñerlle o proxecto dunha revista trimestral coa que (re)pensar Galicia e o mundo desde Galicia. Meses despois comezaba a súa travesía A Trabe de Ouro. Publicación galega de pensamento crítico, so a dirección do propio Ferrín e co texto Estamos abertos a todos e a todo; teimamos que nada do noso tempo e terra nos sexa alleo, como mascarón de proa dunha revista plural.
"Cando A Trabe xa levaba feitas moitas singraduras, a algúns dos que nela navegan pareceulles necesario (e urxente) facerlle unha homenaxe ao insigne temoneiro en forma de libro dos amigos. Propúxoselles a idea a Olegario Sotelo e a Manuel Bragado, responsables das dúas casas onde o homenaxeado levaba anos publicando, que a acolleron moi satisfactoriamente.
"O 23 de marzo do 2006 constituíuse en Vigo a Comisión de Homenaxe a X. L. Méndez Ferrín, formada por varios membros d’A Trabe (Francisco Fernández Rei e Rosa López, secretarios do consello de redacción; Antón Dobao e Miguel Anxo Seixas, membros dese consello desde o seu inicio); por xente moi vencellada á revista desde había tempo (Anxo Angueira, editor e estudoso da obra de Ferrín; Xosé-Henrique Costas González, promotor do seu Honoris Causa pola Universidade de Vigo); e por representantes das dúas editoriais (Olegario Sotelo e Xabier Vázquez, por Sotelo Blanco Edicións; Manuel Bragado e Xosé M. García Crego, por Edicións Xerais de Galicia --Crego e Xabier son, por outra parte, integrantes do equipo da revista).
A devandita Comisión acordou preparar un libro-homenaxe a Ferrín para o 2008, por facer este 70 anos, por ser o 50 aniversario de Percival e outras historias e, sobre todo, por tratarse dunha das figuras sobranceiras do panorama sociocultural da Galicia moderna.
"En posteriores reunións celebradas en Compostela e en Vigo a devandita comisión debateu os criterios da selección da xente que se ía convidar. Acordouse, en primeiro lugar, invitar a todo o consello de redacción d’A Trabe, por ser neste ámbito onde xurdiu a iniciativa; e logo a persoas que durante anos tiveron (ou aínda teñen) relación persoal con Ferrín por compartiren proxectos políticos ou socioculturais, por seren estudosos da súa obra ou por outros motivos.
"A cada invitado pedíaselle unha colaboración que xirase sobre a súa relación persoal con Ferrín ou sobre calquera aspecto da súa complexa e fecunda obra. Coas achegas dos que acudiron á chamada fíxose unha primeira sección de semblanzas biográficas e socioliterarias, con 22 contribucións a xeito de pellos (ou teselas) que compoñen un mosaico que axuda a ver e entender a complexa personalidade humana e intelectual do homenaxeado. Vizosa é tamén a seguinte sección, 20 estudos sobre moi diversos aspectos da súa obra, con enfoques ben diferentes.
"Segue un apartado de traballos varios, que versan sobre aspectos da obra de autores queridos por Ferrín (Murguía, Curros, Castelao…) ou sobre filoloxía medieval, xunto con colaboracións en que a obra do homenaxeado dun xeito ou doutro está presente. E posteriormente figura unha breve sección de creación literaria con textos tanto en verso como en prosa. O libro féchase cunha ampla e completa bibliografía coa produción literaria, ensaística e científica de Ferrín e cos seus numerosos artigos aparecidos en moi diversas publicacións periódicas.
Reprodución rigurosa dos orixinais
"A maior parte das contribucións están en galego, e tamén hai algunha en portugués, pois estes eran os idiomas en que se acordou que debían estar escritas as colaboracións. Unicamente se recibiu un texto en castelán e outro en catalán, polo que se decidiu editar os orixinais tal como os mandaron os autores, e achegarlles cadansúa versión á nosa lingua. Nalgúns textos en galego, tanto en creación literaria como noutras seccións, ás veces hai unha tolerada transgresión da normativa vixente, observable na presenza de formas dialectais, dalgúns castelanismos ou mesmo de formas literarias non asumidas na vixente codificación. Queríase, á hora de reproducilos, non alterar o estilo de quen escribe.
"Estamos seguros de que despois desta han facerse outras merecidas homenaxes ao autor de Arraianos. Nós estamos satisfeitos de abrir o camiño con este particular libro dos amigos e das amigas, daqueles e daquelas que estimou a comisión e que tiveron a ben responder á chamada.
"A presente obra, xa que logo, é unha mostra de agradecemento e de cariño ao amigo Ferrín do Arrabaldo do Norte, que seguindo o ronsel de Murguía e dos que soñaron unha Galicia ceibe e soberana, empeña a súa vida na construción da Nación; e tamén ao amigo Ferrín, renovador constante da creación literaria, que desde moi novo anda á caza da olorosa pantera, á caza dun galego radical e puro, descolonizado de castelanismos, que á vez sexa popular e útil para a comunicación da cultura moderna, un idioma válido para todos os galegos e para todos os usos da lingua.
"Beizón, mestre e amigo!
"Nós tamén navegar na procura do saber e da liberdade, na procura desa tan arelada (e nunca alcanzada) trabe de ouro."
Edita SOTELO BLANCO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

* CDL admite comentarios anónimos siempre que NO incluyan insultos ni difamaciones.
* CDL admite comentarios anónimos sempre que NON inclúan insultos nin difamacións.