A obra poética de María Mariño é unha das máis singulares e persoais de toda a poesía galega de posguerra. Resulta especialmente sorprendente pola destruzón que realiza da linguaxe, sobre todo no plano da sintaxe, a fin de lograr a máxima forza expresiva para a comunicación das súas vivencias máis íntimas, feito que levou a Uxío Novoneyra a cualificala como "dinamiteira da fala".
A súa orixinalísima poética está presidida por un intimismo radical, onde o desacougo xorde da propia concienza da morte; os seus versos énchense dunha abraiante beleza interior, sombriza e preñada de tristura, que se combinan cunha percepción especial da paisaxe como vivencia profundamente íntima. Estamos ante unha poeta radical e decididamente singular.
María Mariño naceu en Noia en 1907, no seo dunha familia de condición social moi humilde, e morreu en Parada do Courel no 1967, lugar onde residiu a maior parte da súa vida. Poeta de formación autodidacta, mantivo unha vida á marxe dos ambientes culturais da súa época, o que en ocasións provocou que circulasen algunhas falsidades sobre a súa vida e obra e que a súa figura se mitificase.
Só publicou en vida o libro Palabra no tempo (Editorial Celta, Lugo, 1963). O seu segundo libro, Verba que comenza, no que traballou durante os derradeiros anos da súa vida non foi publicado até 1992, ao cargo do Concello de Noia e promovido por Uxío Novoneyra e Avilés de Taramancos.
No vindeiro ano a Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas.
Edita XERAIS
No hay comentarios:
Publicar un comentario
* CDL admite comentarios anónimos siempre que NO incluyan insultos ni difamaciones.
* CDL admite comentarios anónimos sempre que NON inclúan insultos nin difamacións.