26 sept 2010

"Á sombra dos anacardios"

Á sombra dos anacardios é o terceiro título da colección Qontextos, e o autor é Antón Fortes, que foi quen abriu a serie con Fume.
Neste novo álbum abórdase o grave problema da sida en Guinea Bissau, un dos países que rexistra maior subdesenvolvemento de todo o mundo, polo que enfermidades infecciosas ou de transmisión sexual quedan sen tratar, o que provoca que se agraven e cheguen a producir a morte. A mortalidade infantil causada pola desatención en saúde é moi elevada en Gujnea Bissau, pois a taxa de mortalidade infantil é de 105 mortos de cada mil nados antes de cumprir un ano.
Este libro contou coa colaboración da oenegé Asemblea de Cooperación pola Paz, que fai traballo de campo en colaboración co Ministerio de Saúde de Guinea Bissau e varias comunidades locais, cos que executa proxectos para construir infraestruturas sanitarias, formación de persoal cualificado e tamén no eido da sensibilización social sobre a importancia da saúde. O autor cedeulle os dereitos do libro á onegé , tal e como xa fixo con Fume.
En Á sombra dos anacardios hai lugar para a esperanza: En pleno entroido de Bissau, na vida da pequena protagonista fai acto de presenza a máscara da morte e con ela o medo. No entanto, esta terrible figura é contrarrestada cos coidados e alento do doutor Vieira. Fiel á actitude vital desa poboación, Fortes transmite a capacidade de seren felices destes pequenos, a pesar do oprobio económico e enfermidade, que non é obviada polo autor. Así, o día da festa de entroido, as risas e os bailes nos que todos participan vense ensombrecidos por unha canción sobre a sida.
A ilustradora italiana Simona Mulazzani viste a narración con cores moi ligadas ao continente africano: verde, amarelo e vermello intensos. Unha paleta cromática que espalla por todo o álbum e coa que reforza a mensaxe optimista da historia. A aposta de Mulazzani por cores vivas e por personaxes de aparencia forte e saudable incide na mensaxe positiva e esperanzadora do relato de Fortes.
Edita OQO

1 comentario:

  1. Realmente Antón Fortes es un buen escritor y buena persona

    ResponderEliminar

* CDL admite comentarios anónimos siempre que NO incluyan insultos ni difamaciones.
* CDL admite comentarios anónimos sempre que NON inclúan insultos nin difamacións.