12 oct. 2008

Morreu o poeta Ramiro Fonte, exemplo de ética cultural

O literato Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957) faleceu na madrugada de onte no hospital de Bellvitge (Barcelona), onde permeneceu ingresado desde o pasado 23 de setembro debido a unha longa e grave infirmidade. Só tiña 51 anos de idade.
Durante os últimos meses, Fonte ultimou unha antolóxica da súa obra poética, que está a piques de saír á rúa grazas á Sociedade de Cultura Valle Inclán de Ferrol. O autor tivo oportunidade de ver o libro poucos días antes de morrer.
Fonte, que é un dos escritores contemporáneos máis influentes na vangarda das letras galegas, non tivo grandes éxitos de público pero o seu traballo e os seus criterios éticos van máis alá da inmediatez que hai tempo está a condicionar a vida cultural: "A miña obra pode ter un certo prestixio entre algúns sectores --declarou recentemente ao semanal Culturas de La Voz de Galicia--, pero non tivo éxito; paguei cara a miña independencia. Ademais, nunca fun deses que van pregoando por todas partes a súa mercadoría, e desde rapaz mostreime moi crítico cun medio cultural tremendamente caciquil".
A obra poética de Fonte, na que mellor se ten expresado o autor, é a seguinte : As cidades da nada, 1983; Designium, 1984, que obtivo os premios da Crítica de Galicia e o Losada Diégeuez de Creación; Pensar na tempestade, 1986; Pasa un segredo, 1988, polo que mereceu o Premio da Crítica Española; As lúas suburbanas, 1991; Adeus norte, 1991, Premio Esquío; Luz do mediodía, 1995; Persoas de amor, 1995; O cazador de libros, 1997; Mínima moralidade, 1998, Premio Miguel González Gracés; Capitán Inverno, 1999; e A rocha dos proscritos, 2001.
No eido da narrativa, destacan Catro novelas sentimentais, 1988; Aves de paso, 1990, e a triloxía Vidas de infancia, 2003-2007; e tamén publicou o ensaio Fermín Bouza-Brey e a súa obra literaria, 1992, entre outros traballos e estudos.
LIGAZÓNS DE INTERESE: Entrevistas a Ramiro Fonte en EL PAÍS e LA VOZ DE GALICIA; e a ficha do autor na editorial XERAIS.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

* CDL admite comentarios anónimos siempre que NO incluyan insultos ni difamaciones.
* CDL admite comentarios anónimos sempre que NON inclúan insultos nin difamacións.