1 nov 2008

13 e 14 de novembro: Simposio sobre o libro galego no mundo


A Asociación Galega de Editores (AGE) e o Centro Español de Derechos Reprográficos (Cedro), coa colaboración do Consello da Cultura Galega, convocan o simposio O libro galego no mundo: presente e futuro, que terá lugar os vindeiros xoves e venres 13 e 14 de novembro en Santiago de Compostela. A asistencia é gratuíta e o prazo de inscrición rematará o venres 7 de novembro. Os intersados en asistir ás sesións deben remitir o formulario de inscrición (premer eiquí para obter unha copia) ao eBuzón age(arroba)editoresgalegos.org. O número de prazas é limitado e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Na edición do ano pasado o simposio estivo adicado ao mercado editorial, entanto que na edición de 2008 o protagonista será o libro galego, a súa difusión no mundo e as posibilidades de promocionar a produción no exterior do país.
Entre os participantes xa confirmados compre destacar a presenza da vicedirectora da Feira Internacional do Libro de Frankfurt, que vén de celebrarse do 15 ao 19 de outubro e que é, sen dúbida, a cita editorial máis importante do ano no ámbito internacional. Tamén participarán Xosé Ballesteros, director da editorial Kalandraka; Josep Bargalló, director do Instituto Ramón Llull; Arturo Casas, profesor de Teoría da Literatura da Universidade de Santiago; Helena González, docente na Universitat de Barcelona; Xabier Cid, lector de Lingua e Literatura Galega en Stirling (Escocia); Carlos del Pulgar, de Nova Galicia Edicións; Pepe Puga, de A Nosa Terra; Francisco Villegas, de Edicións do Cumio; Roberta Chinni, directora da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia; Eva Mejuto, de OQO Editora; Dolores Manzano, da editorial Callis (Brasil); Miriam Gabbai, responsbale do Programa de Bibliotecas Públicas e Comunitárias do Estado de Sao Pâulo; Antonio María Ávila, director da Federación de Gremios de Editores de España, e a directora para Europa da Feira Internacional do Libro de Guadalajara, Amelia Guardiola.
En resumo, trátase dunha cita case que obrigada para os interesados no mundo das letras galegas.
MÁIS INFORMACIÓN na ePáxina da Asociación Galega de Editores.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

* CDL admite comentarios anónimos siempre que NO incluyan insultos ni difamaciones.
* CDL admite comentarios anónimos sempre que NON inclúan insultos nin difamacións.