"O propio concepto de paisaxe viuse condicionado e deformado polo seu funcionamento como significante do Nacionalismo (...) Paisaxe e nacionalismo son, daquela, dúas construcións míticas simultáneas, como se plasma nos neoloxismos que as designan e que se desenvolveron paralelamente? Estas verbas constitúen algúns puntos de arranque, singulares trazos caracterizadores do pórtico do ensaio Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio co que María López Sández acadou o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio na convocatoria de 2007.
"A profesora tenta achegarnos o feito paisaxístico caracterizado na secuencia temporal como elemento cosubstancial ao ser humano e como referente literario ao longo da historia da nosa literatura. E non só da nosa; ao longo da creación universal, a natureza e a paisaxe mantiveron unha estreita relación co ser humano, un vencello recorrente que é a demostración dunha evidencia: o ser humano, a comunidade, é en parte consecuencia da estreita vinculación que se crea entre el a paisaxe que o rodea. Hai moitos exemplos aos que acudir mais, téñase presente, que esta caracterización do fenómeno natural semella ter un antes e un despois do Romantismo: a partir do XIX a paisaxe tamén é o tema esencial, lonxe de enmarcar como sucedera deica entón, e pasa a conformar o imaxinario común.
"Das catro partes que compoñen o volume (Nacionalismo e Imaxinario social; Espazo e paisaxe; Paisaxe e nación no discurso literario galego e Discurso, ideoloxía, paisaxe e nación) salientamos o terceiro capítulo no que a autora recolle tres exemplos de etapas diferentes da literatura galega para exemplificar esa íntima conexión entre a realidade paisaxística e as persoais interpretacións: Cantares Gallegos de Rosalía de Castro; Arredor de si de Otero Pedrayo e o ciclo textual de Tagen Ata de Ferrín. O poemario de Rosalía por canto ten de reivindicación paixasística; a novela do señor de Trasalba na que se retorna e reflexiona constantemente sobre os espazos vividos e visitados e, no caso de Ferrín, polo interese dun proceso de creación intertextual ambiguo, alegórico e ambicioso."
[Texto de Xavier Castro Rodríguez, publicado no xornal Galicia Hoxe]
Edita GALAXIA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
* CDL admite comentarios anónimos siempre que NO incluyan insultos ni difamaciones.
* CDL admite comentarios anónimos sempre que NON inclúan insultos nin difamacións.