22 jul 2010

"Inmunda escoria"

Inmunda escoria foi o titular co que un xornal describiu aos estudantes universitarios antifranquistas que en 1968 saíron ás rúas de Compostela.
Este libro, co subtítulo A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, 1939-1968, é froito da exposición que a Fundación Dez de Marzo lle encargou a Ricardo Gurriarán para conmemorar os corenta anos das loitas do curso 1967-68 na universidade galega.
O libro foi posible grazas a un intenso labor de investigación en arquivos públicos e privados, malia os impedimentos legais que aínda hoxe amparan ás persoas, entidades, empresas e mesmo institucións nas que aínda traballan e teñen poder quenes colaboraron coa ditadura franquista.
O autor do traballo obtivo a colaboración de cen persoas que aceptaron ser entrevistadas e aportaron as súas testemuñas; entre elas figuran participantes directos e indirectos nas mobilizacións que se viviron na cidade compostelá.
No chamado 68 galego participou a minoría dunha xeración de persoas que desde entón, aínda que a súa forza cuantitativa foi pequena, influiron nos ámbitos político, social e cultural do país con resultados máis ou menos notorios.
A investigación de Gurriarán arranca no 1939 e avanza ano a ano para chegar ao curso 1967-68, cando as mobilizacións estudantís antifranquistas conquistaron espazos de liberdade. Sen aqueles acontecementos, a sociedade galega de hoxe sería diferente.
O libro contén un DVD.
Edita XERAIS

No hay comentarios:

Publicar un comentario

* CDL admite comentarios anónimos siempre que NO incluyan insultos ni difamaciones.
* CDL admite comentarios anónimos sempre que NON inclúan insultos nin difamacións.