10 oct 2007

"Cartas á nai", a autobiografía epistolar de Otero Pedrayo

Estes dos volumes recollen 1.355 cartas que foron ordenadas e transcritas polas investigadoras Patricia Arias Chachero e Mónica Arias. As cartas, escritas en castelán, constitúen a crónica dunha vida ao tempo que o espello dun tempo e dun xeito de vivir Galicia.
Otero Pedrayo iniciou esta correspondencia no ano 1905, cando saiu de Trasalba, con so 17 anos, para examinarse en Compostela do que entón se chamaba Curso de Ampliación, unha especie de selectividade para os estudos de Dereito e Filosofía e Letras.
As autoras desta obra traballaron durante anos na organización da documentación depositada nos fondos da Fundación Otero Pedrayo, na Casa Grande de Cimadevila (Trasalba), e que na actualidade está na Fundación Penzol (Vigo).
Compre subliñar que ten especial valor a achega de información complementaria que aportan as notas a pé de páxina para coñecer situacións, personaxes e circunstancias que xorden ao longo da correspondencia. Segundo teñen explicado as especialistas, "na edición deste singular epistolario optouse por ir intercalando, respectando a orde cronolóxica, as cartas escritas por Otero á súa nai e as que ela lle ía escribindo a el".
A recopilación, por riba, inclúe un album de fotografías de alto valor histórico e cultural.
A publicación contou co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Editan FUNDACIÓN OTERO PEDRAYO e GALAXIA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

* CDL admite comentarios anónimos siempre que NO incluyan insultos ni difamaciones.
* CDL admite comentarios anónimos sempre que NON inclúan insultos nin difamacións.