8 dic 2006

"Protoevanxeo do neto de Herodes"

Con Protoevanxeo do neto de Herodes, Bernardino Graña, logo dunha longa e riquísima traxectoria literaria, ofrécenos a súa primeira novela, Premio Eixo Atlántico, e faino sen ningún tipo de acomodación : a novela é un regreso á historia sagrada, unha reinterpretación central da Biblia que parte dos evanxeos apócrifos, eludindo a ortodoxia católica, para ofrecer unha nova visión da figura de Cristo.
Na novela nárrase, a través de María e Xosé como figuras centrais, o período que vai desde o momento en que María ten catorce anos, pasando polo nacemento de Xesús, até que este cumpre os doce. Unha María casada con Antíprato, fiel á figura de Israel, que milita no nacionalismo xudeu contra o Imperio romano, constitúe un dos personaxes máis singulares e atrevidos da novela.
Bernardino Graña (Cangas, 1932) foi catedrático de Língua e Literatura até a súa xubilación. En 1958 participou na creación do Grupo Brais Pinto en Madrid e foi o primeiro presidente da Asociación de Escritores en Língua Galega (AELG).
É autor dunha ampla obra que abrange diferentes xéneros. Da súa produción poética pódese salientar : Poema do home que quixo vivir (1958), Profecía do mar (1966), Non vexo Vigo nin Cangas (1975), Se o noso amor e os peixes... (1980, Premio Galicia), e outras.
En canto ao teatro sobresaen Vinte mil pesos crime (1962), Sinfarín contra Don Perfeuto (1975) e Os burros que comen ouro nunca cabalos serán (1992, (Premio Abrente de Ribadavia). Como narrador escribiu Fins do mundo (1974) e Protoevanxeo do fillo de Herodes. Tamén conta con numerosas obras destinadas ao público infantil.
Edita XERAIS

No hay comentarios:

Publicar un comentario

* CDL admite comentarios anónimos siempre que NO incluyan insultos ni difamaciones.
* CDL admite comentarios anónimos sempre que NON inclúan insultos nin difamacións.