O primeiro Premio Nacional da Cultura Galega, no eido da Literatura, é para Xosé Luís Méndez Ferrín. A traxectoria do autor de Con pólvora e magnolias (1977) --traballo poético que marcou a lírica contemporánea en língua galega-- foi determinante na decisión do xurado.
O escritor ourensán (1938) --afincado en Vigo desde 1955, aínda que durante o trienio 1962-64 residiu en Lugo por motivos laborais-- é columnista habitual do xornal Faro de Vigo e dende hai xa moitos anos está considerado o escritor máis influinte e sólido da literatura galega da segunda mitade do século XX.
Co poemario Voce na néboa (1957) iniciou un percorrido creativo no que ten traballados diferentes xéneros literarios. Na máis recente das súas aportacións, Consultorio dos nomes e dos apelidos galegos, amosou unha vez máis a súa extraordinaria capacidade para facer arte coas cousas máis sinxelas, pois fixo historia e mesmo socioloxía coa onomástica.
Méndez Ferrín, home de esquerdas e nacionalista, tamén é un referente social e político polo seu compromiso coa actualidade e co futuro do país galego. A súa actitude, ao marxe de xuizos ideolóxicos que sempre son subxectivos, dan un valor engadido a súa fonda proxección intelectual.
Tamén é noticia pola mesma razón o edafólogo Francisco Díaz Fierros (Vilagarcía de Arousa, 1951), galardoado na especialidade de Ciencias e de quen o xurado subliñou “a súa capacidade de ter colocado na axenda da cultura galega a cultura científica”. O seu traballo máis recente é A cuestión ambiental en Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
* CDL admite comentarios anónimos siempre que NO incluyan insultos ni difamaciones.
* CDL admite comentarios anónimos sempre que NON inclúan insultos nin difamacións.